Tuesday 30 de April de 2024

O canon dos negocios da primeira planta do mercado será bonificado nos 2 primeiros anos para facilitar o inicio da actividade


SE A CORPORACIÓN DÁ LUZ VERDE SACARANSE A LICITACIÓN CATRO LOCAIS DE ENTRE 4 E 43 METROS CADRADOS A OCUPAR POR UN TEMPO MÁXIMO DE 20 ANOS

Tras a apertura da planta baixa do novo mercado municipal de Riveira, o Executivo está inmerso xa nos pasos necesarios para a ocupación do primeira andar: un espazo que se pretende provea de produtos ou servizos complementarios aos ofertados polos praceiros na área inmediatamente inferior.

Tal e como recolle o plego de cláusulas técnicas do expediente de contratación que se vai someter á aprobación do pleno da Corporación, catro son os locais a licitar nesta planta, con dimensións de entre 4,00 e 43,06 metros cadrados de superficie.

Os interesados en ocupar algún local (poden postularse a un ou a varios) deberán indicar o uso que lle pretende dar, podendo ser usos comerciais, terciarios ou hostaleiros, cunha serie de usos prohibidos (discoteca ou sala de festas, actividades industriais e venta de peixe fresco, marisco, froita ou carne).

Kiosco, panadería, charcutería, ultramarinos
Agora ben, dentro dos criterios de adxudicación valórase explicitamente con 20 puntos sobre 100 que a actividade complementaria dos postos sexa kiosko no local 1 (de 4 metros cadrados), panadería, bollería, pizzería e derivados no local 2 (12,85 metros cadrados), charcutería no local 3 (11,85 metros cadrados) e ultramarinos no local 4 (43,06 metros cadrados).

Outros criterios de valoración son a oferta económica (ata 50 puntos), compromiso de inversión (10 puntos), compromiso de xeración de emprego (10 puntos) e carácter innovador da proposta (10 puntos),

O canon mínimo da concesión establécese en 12 euros / metro cadrado / mes, en tanto que no caso de querer ocupar unha zona con mesas e cadeiras o prezo sería de 1,5 euros / metro cadrado / mes.

Co fin de facilitar o comezo da actividade comercial, durante o primeiro e o segundo ano de contrato se aplicará como canon o 50% e o 75% das cantidades ofertadas (rebaixa do 50 e do 25%), sendo a partir do terceiro cando haxa que abonar o 100%.

Gastos de comunidade
Ademais do canon de ocupación do local, os titulares dos mesmos deberán abonar un importe mensual de 4,57 euros/ metro cadrado / mes en concepto de gasto de comunidade, que inclúen mantemento en zonas comúns, iluminación e climatización, seguridade, xestión do centro, limpeza de zonas comúns e outros gastos non repercutibles directamente aos locais.

No primeiro e no segundo ano se aplicará tamén un 50% e un 75% deste importe a fin de facilitar o comezo da actividade.

O prazo das concesións será de 15 anos a partir da adxudicación definitiva, prorrogable por un máximo de 5 anos previa petición do concesionario, podendo realizarse por un único período de 5 anos ou por períodos inferiores ata alcanzar ese tope.